No marco da XXI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información recibimos o Premio ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais pola creación de INclue. INclue. Trátase dun sistema tecnolóxico innovador para a valoración técnica da exclusión social en base a criterios homoxéneos. O xurado tivo en conta “que a ferramenta presentada permite unha estimación precisa do grao de exclusión social dunha persoa”.
A gala na que se fixo entrega dos premios anuais aos mellores profesionais e empresas do ano TIC nas súas distintas categorías estivo dedicada á Transformación dixital e ao desafío 4.0. Durante o acto, o decano do Colexio Oficial e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, Ramón Bermúdez de Castro, fixo énfase en como a humanidade está a entrar nunha nova era, nunha revolución industrial protagonizada pola transformación dixital 4.0 da que Galicia nin os galegos poden quedar atrás.
Entre os preto de 300 invitados atopábanse tamén a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o secretario xeral da Consellería de Economía e director en funcións da Axencia Galega de Innovación, Borja Vere e o director do Igape, Javier Aguilera.
Máis información: A Voz de Galicia, Código Cero e AETG.