Zona Franca lanza a 6ª Edición ViaExterior para que as empresas galegas amplíen negocio no exterior

via exterior 6ª edición
  • As compañías interesadas poden inscribirse a través da web do programa ata o 10 de novembro
  • ViaExterior pon ao dispor das empresas un equipo de 30 profesionais para axudalas cos plans de internacionalización, ampliar contactos e negocio no exterior

O Consorcio da Zona Franca de Vigo lanza unha nova edición de ViaExterior, a aceleradora multi-sectorial para promover e aumentar a probabilidade de éxito na internacionalización das compañías galegas. Para iso, a entidade seleccionará un total de 20 compañías.

O programa, que cumpre a súa sexta edición, poñerá ao dispor das empresas un equipo multicultural de 30 profesionais para axudalas cos seus plans de internacionalización, lograr novas oportunidades de negocio noutros países, ampliar contactos ou acceder a financiamento no caso de que así o desexen. Trátase de persoas expertas en ámbitos relacionados co comercio exterior pero que tamén dominan aspectos vinculados coa fiscalidade, a negociación ou a comunicación, entre outros. Ademais, a nova edición de ViaExterior incorpora ao equipo persoas expertas en perspectiva de xénero e en Responsabilidade Social Empresarial (RSE).

En ViaExterior poderán participar, sen custo, empresas con certa presenza internacional que busquen aumentar a súa actividade no exterior, ou ben, compañías de recente creación con vocación internacional. O prazo de inscrición está aberto ata o 10 de novembro. Para iso, as empresas interesadas en participar deben cumprimentar o formulario na páxina web http://viaexterior.com/

Más información e imaxe destacada | ViaExterior