O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, José Antonio Quiroga, presidiu este xoves a xornada de lanzamento do proxecto RISC-Plus no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.
O proxecto, apoiado polo Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, representa “un paso fundamental” para aplicar os avances impulsados polo Organismo de conca a través doutros proxectos.
O obxectivo é establecer medidas que axudarán a paliar as consecuencias do cambio climático sobre os ríos, neste sentido busca mellorar o coñecemento hidrolóxico da demarcación internacional e mellorar os sistemas de axuda na toma de decisións fronte a eventos de inundación e fronte a eventos de seca prolongada, todo iso cun orzamento de máis dun 1.600.000 euros e un prazo de execución que finalizará en decembro do 2025.
A intención é que continúe o proxecto anterior, RISC-Miño-Limia, que supuxo un importante avance no coñecemento da conca, segundo explicou Quiroga, lembrando que, a través dese proxecto, foi posible realizar “unha exhaustiva análise” da conca mediante a revisión da rede hidrográfica, así como a obtención dun novo modelo dixital do terreo da parte portuguesa.
Ademais, creou un novo sistema de alerta temperá fronte a inundacións, a través do que se obtén a previsión de caudais e da extensión da mancha de inundación, “o que permite anticiparse aos fenómenos extremos”.
O presidente da CHMS destacou “a cooperación, a colaboración e a coordinación” entre entidades transfronteirizas e tamén entre universidades, apuntando que é un proxecto “transversal” onde “converxe o coñecemento para tentar facer fronte a un problema que é común”.
Máis información: Web do proxecto | La Voz de Galicia | Galicia Press