Presentación do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021

EOSA participou na elaboración do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 sendo este a folla de roteiro para a organización, execución e avaliación das accións que se queren promover no marco do Ano Santo 2021.

É o resultado dun proceso participativo que implicou a máis de 600 persoas, un total de 8 mesas de traballo, 130 entrevistas a persoas relevantes, expertos e representantes do tecido asociativo, ademais de 400 enquisas a peregrinos de 33 nacionalidades diferentes. Este Plan, presentado un ano e medio antes do inicio do Ano Santo, fundaméntase en valores que van desde a hospitalidade á integración, que conxuga a innovación coa tradición, a espiritualidade e relixiosidade co multiculturalismo; e que ten como obxectivos principais a transversalidade e a calidade, a internacionalización e o talento local, a descentralización e a participación.

En definitiva, inclúe unha batería de actuacións que se articula ao redor de seis grandes eixos: Xacobeo Único, agrupa accións de carácter singular e tamén institucionais; Xacobeo Vivencias, baseado no noso patrimonio, cultura, tradicións e paisaxe; Xacobeo Cidadanía, proxección internacional dos eventos; Xacobeo Reflexión, o coñecemento, o debate; Xacobeo Innovación, fomenta a utilización dos sentidos a través de experiencias innovadoras; Xacobeo Comunidade, accións que permiten cohesionar socialmente Galicia.

Por último, o Plan estratéxico integra dous eixos: eixo soporte, que pretende un Camiño máis sostible a través do mantemento dos roteiros, accións de embelecemento, ampliación e reforma dos albergues públicos, mellora da seguridade viaria e rehabilitación dos BIC do Camiño; e o eixo de acollida, liderado polo Concello de Santiago de Compostela, que contará coa colaboración e o apoio da Xunta, co propósito de mellorar a acollida na cidade meta da peregrinación.

Descarga o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021